Top

Adaptación extrema

Adaptación extrema

Os protozoos ciliados son microorganismos eucarióticos cuxo pequeno tamaño, entre 10 m e 4 mm de lonxitude, lles impoñen limitacións, a pesar das cales, desenvolveron unha diversidade e complexidade estrutural que non foi superada por ningún outro grupo de protozoos. O seu desenvolvemento depende da existencia de auga no medio, sendo de importancia secundaria se é auga doce, salgada ou se forma parte do fluído interno doutros organismos. É suficiente con que a auga forme unha fina lámina sobre as partículas do chan, ou simples gotas de orballo sobre as follas das plantas. Aqueles ambientes completamente secos non poden ser colonizados polos protozoos, non obstante, moitos destes son capaces de producir quistes nos que sobrevivir, mesmo durante anos, á ausencia de auga no medio, nun estado que se denomina criptobiosis. Este feito explica como é posible que hábitats como os desertos, as codias e follas das árbores, os mofos, os líquenes, etc., sexan colonizados polos protozoos, aínda que só reciban achegas ocasionais de auga. Aquelas zonas onde a auga permanece conxelada tamén poden considerarse hábitats secos, polo que non sorprende que frecuentemente os quistes resistentes ao desecamento, tamén o sexan á conxelación.
O ciliado da imaxe foi recentemente descuberto no deserto deAtacama (Chile), o máis seco e antigo da Terra e a segunda rexión máis seca tras a xélida Antártida. A fluorescencia destaca cilios e aparato nuclear.