Top

Amor baixo o mar

Amor baixo o mar

Invisibles ao ollo humano, hai unha variedade inmensa de microorganismos que forman a base das cadeas alimentarias do océano. Cando miramos a auga de mar por un microscopio podemos encontrar formas de gran beleza. Os dinoflaxelados son un destes grupos microscópicos. Dentro dos dinoflaxelados hai moitas especies diferentes, algunhas das cales posúen unha especie de armadura que engloba a célula. Nesta foto, a armadura deste dinoflaxelado parece protexer un corazón. A súa cor débese á presenza de pigmentos que lle confire esa tonalidade avermellada e que pode ter diversas funcións, dende protexelos do exceso de luz solar ata a de funcionar como acumuladores de compostos de reserva. Os cilindros que se encontran arredor deste dinoflaxelado son diatomeas, outro grupo moi importante dentro do fitoplancto. Aínda que as evidencias científicas nos demostran a importancia destes microorganismos como fonte alimentaria para outros seres vivos e o seu papel fundamental no ciclo do carbono e doutros elementos químicos, non podemos deixar de ter a dúbida: “Será que o que encontramos en realidade é un dinoflaxelado namorado dunha diatomea?”