Top

Azucre e luz

Azucre e luz

Ao depositar unha gota de disolución de azucre e auga sobre un portaobxectos e deixala repousar a temperatura ambiente, observamos que a auga se evapora e o azucre cristaliza. O compoñente principal do azucre é a sacarosa, un material birrefrinxente, opticamente activo.
Os estereomicroscopio e microscopios de luz polarizada son equipos convencionais de microscopia que levan colocados dous polarizadores, un, entre o condensador e a mostra, que se denomina polarizador, e outro, entre a mostra e o detector, o analizador. Os polarizadores só deixan pasar a luz que vibra nun determinado plano e á que se denomina luz polarizada. Ao observar a nosa mostra de cristais de azucre nun microscopio de luz polarizada, deixando o polarizador nunha posición fixa e movendo o analizador, descubrimos unha explosión de cores nos cristais que se formaron. Con este tipo de equipos, os investigadores poden observar características ópticas de distintos minerais con índices de refracción diferentes e tamén distinguir entre substancias isotrópicas ou anisotrópicas e así coñecer a estrutura interna dos minerais que están a estudar.
Sirva esta imaxe como exemplo do uso da luz na investigación neste ano 2015, o Ano Internacional da Luz e das Tecnoloxías baseadas na Luz.
A magnificación da imaxe é de 25.8 e o tamaño real é 6.35 x 4.76 mm.