Top

Castroshenge

Castroshenge

No meu barrio de Os castros na Coruña algunha das rúas alíñase en dirección este- oeste, isto fai que en determinadas épocas do ano se poida observar o marabilloso fenómeno que mostra a fotografía. A visión recordoume o famoso Manhattanhenge. O vocábulo foi popularizado polo famoso astrofísico do Museo Estadounidense de Historia Natural de Nova York; Neil deGrasse Tyson. Fai referencia ao Monumento megalítico de finais do neolítico (século XX a.C) de Stonehenge en Inglaterra, onde o Sol no solsticio de verán sae atravesando o eixe da construción, o que fai supoñer que dende moi antigo o ser humano tiñan coñecementos de astronomía.
Outro fenómeno parecido acontece en Abu Simbel, templo construído por Ramsés II para conmemorar a vitoria da batalla de Kadesh (ca 1274 a.C). Nel os raios solares 61 días antes e despois do solsticio de inverno entran e iluminan tres das catro estatuas, a excepción da do deus Ptah relacionado co inframundo que sempre permanecía en penumbra.
A visión do fenómeno ségueme sorprendendo e emocionando moito tempo despois!
A foto foi tomada o 9 de setembro de 2014.