Top

Folerpa de neve

Folerpa de neve

A esclerose múltiple é unha enfermidade neurodexenerativa na que se produce un dano na vaíña de mielina que recobre os axóns das neuronas causando a desmielinización do sistema nervioso central. As células encargadas de mielinizar os axóns son os oligodendrocitos, que se xeran a partir dos precursores de oligodendrocitos (OPCs). Cada paso na maduración deste tipo celular pode ser identificado por cambios na súa morfoloxía e na expresión de marcadores específicos. A imaxe, tomada mediante microscopía confocal, mostra un oligodendrocito obtido mediante un cultivo celular primario a partir de codia cerebral de rato. Tras varios días en cultivo, o oligodendrocito maduro expresa o factor de transcrición Olig2 (verde) e a proteína MBP (vermello), un dos compoñentes maioritarios da mielina. Os procesos que presenta o oligodendrocito maduro permítenlle mielinizar os axóns de varias neuronas proporcionando soporte estrutural a estas e illando os devanditos axóns. A armazón recórdanos a unha folerpa de neve, seguindo unha xeometría fractal.
O obxectivo do noso traballo é entender os mecanismos que controlan a proliferación, migración e diferenciación dos OPCs, así como o proceso de mielinización para o tratamento das enfermidades desmielinizantes.