Top

Cristais purificantes

Cristais purificantes

A crecente demanda da sociedade para a descontaminación de augas, impulsou, na última década, o desenvolvemento de novas tecnoloxías de purificación e depuración. As augas contaminadas pola actividade humana poden, en xeral, ser procesadas eficientemente por plantas de tratamentos convencionais. Non obstante, nalgúns casos estes procedementos resultan inadecuados para alcanzar o grao de pureza requirido por lei. Por iso, resultan necesarias outras etapas de tratamento que logren este obxectivo.
Os últimos avances na purificación e depuración de augas están baseados en procedementos capaces de producir cambios profundos na estrutura química dos contaminantes disoltos no medio acuático, e forman parte deles os chamados Procesos Avanzados de Oxidación. Destes procesos, os que se encamiñan á produción de radicais hidroxilo tiveron un crecente éxito, xa que poden oxidar moléculas orgánicas ata dióxido de carbono, auga e sales inorgánicos. Os radicais hidroxilo poden xerarse mediante a participación de semicondutores de banda ancha, como o titanato de cinc que se mostra na imaxe, que actúan como fotocatalizadores, absorbendo radiación UV e producindo radicais en contacto coa auga. Estas reaccións englóbanse dentro da fotocatálise heteroxénea, proceso de especial interese, xa que pode ter lugar mediante luz solar.
Numerosas investigacións revelan que a fotocatálise é capaz de degradar un gran número de substancias orgánicas que poden estar presentes na auga como praguicidas, PCBs, trihalometanos, hidrocarburos aromáticos, fenois, ftalatos ou parabenes, substancias altamente tóxicas e moitas delas recalcitrantes.