Top

CRISTAIS VIVOS

CRISTAIS VIVOS

Para cristalizar un sal abonda con preparar unha disolución e permitir que se evapore o disolvente. Deste modo, a concentración será cada vez maior e antes ou despois atravesarase a curva de saturación. Nese momento pódense formar cristais.
Non obstante, poden influír outras variables como a temperatura e a velocidade á que sucede a evaporación. Así, se a temperatura baixa lentamente e a evaporación tamén é lenta, é probable que se formen poucos cristais que chegarán a ser grandes. Se o proceso se realiza a maior velocidade, formaranse moitos cristais pero non chegarán a crecer moito. Se a evaporación é demasiado rápida, o sal non terá a oportunidade de ordenarse e obterase vidro, materia amorfa.
Pero hai unha última posibilidade. Se as condicións se axustan na fronteira entre os microcristais e o vidro, aparecerán estruturas dendriformes e esferulitos. Os diminutos cristais debuxarán xeometrías que se apartan das liñas rectas e as arestas que asociamos á materia mineral. Xurdirán curvas, ramificacións, fractais que recordan máis ao mundo vexetal. Xurdirán organizacións que nos recordan á vexetación, ás flores, ás follas… á vida.