Top

Cromatóforos

Cromatóforos

O desenvolvemento embrionario dunha lura é directo, non hai metamorfose con distintas etapas larvarias, como acontece noutros moluscos. A esta fase do ciclo biolóxico da lura denomínaselle paralarva.
Esta é unha fotografía da sección superior dunha paralarva de lura (Loligo vulgaris) duns 6 mm de lonxitude. Nela pódense apreciar que, tanto na cabeza, ollos, brazos e tentáculos, aparecen unha serie de puntos e lunares coloreados. Son, en realidade, células pigmentarias controladas á súa vontade polo sistema nervioso.

Posúen tres tipos de células pigmentarias; os leucóforos son responsables da coloración esbrancuxada, os iridóforos reflicten a luz dando tons metálicos, verdosos, azulados e prateados. Na parte máis superficial da pel encóntranse os cromatóforos, que producen coloracións amarelas, laranxas, vermellas e negras. Deste xeito poden cambiar de cor en cuestión de segundos para mimetizarse co espazo circundante.

Actualmente, no IIM de Vigo, estase a desenvolver un proxecto que ten por obxectivo a localización de áreas de posta de lura en augas do Parque Nacional das Illas Atlánticas de Galicia. Unha vez localizada unha posta, parte dos ovos trasládanse ao laboratorio para o seu estudo. Nalgunha ocasión, estes ovos chegan aeclosionar e podemos gozar dos impresionantes cambios de coloración das paralarvas de lura.

O obxectivo final do proxecto é a protección das áreas de reprodución e posta destes cefalópodos, para garantir así a súa perpetuación nas costas galegas.