Top

Desorde ordenada

Desorde ordenada

Na imaxe móstrase a cobertura de escamas de carbonato cálcico que os cocolitofóridos portan na súa superficie, os cocolitos. Estes cocolitos son fabricados no aparato de Golgi no citoplasma celular e son transportados ao exterior, quedando colocados na superficie celular. Os cocolitofóridos pertencen ao fitoplancto e son un dos grupos dominantes na comunidade fitoplanctónica en augas oceánicas. Eles poden ser os organismos que nos permitan continuar gozando da Terra tal e como a coñecemos, xa que na súa capacidade de fixar dióxido de carbono, ben para a fotosíntese, ben para formar esa cobertura extracelular, pode estar o xeito de reducir a concentración deste gas na atmosfera, concentración que sufriu un grande aumento nas últimas décadas debido ás emisións das nosas actividades. A investigación que nós realizamos con estes organismos permítenos, en primeiro lugar, identificalos e posteriormente, realizar experimentos fisiolóxicos para coñecer en que condicións se dá unha maior fixación do dióxido de carbono.