Top

O carnaval da vida

O carnaval da vida

O ciclo biolóxico da lagosta común europea (Palinurus elephas) está composto por tres etapas claramente diferenciadas. A etapa larvaria, de ata un ano de duración, desenvólvese na columna de auga, no que se coñece como ‘plancto’. Esta fotografía permítenos observar baixo a tenue luz da lupa unha destas larvas, denominadas ‘filosomas’, xunto á súa fantasmagórica sombra. Poderiamos pensar que intenta intimidarnos, cando en realidade o seu translúcido corpo busca o disfrace perfecto para o carnaval da vida, tratando de mimetizarse coas cristalinas augas dos océanos nunha pelexa por comer sen ser comido. Se o seu disfrace convence o seu público, a larva sufrirá unha metamorfose, dando paso ás etapas xuvenil e adulta, que teñen lugar nos fondos rochosos ou ‘bentos’.
Un dos aspectos máis desafiantes para os investigadores destes organismos reside en aumentar a supervivencia na súa etapa larvaria. A determinación dunha dieta axeitada, factor ata agora limitante, posibilitará tanto a súa produción en acuicultura coma a súa repoboación en zonas nas que, como sucede nas nosas costas galegas, a sobreexplotación pesqueira esquilmou estes estraños e apetitosos seres vivos.