Top

O CEO DA ESPERANZA

O CEO DA ESPERANZA

O cancro de colon é o tipo de cancro máis frecuente en España con case 28.000 novos casos ao ano.
O proceso de carcinoxénese colorrectal é longo, podendo tardar varios anos en alcanzar o estadio avanzado. Un dos eventos máis temperáns neste proceso, é a alteración do patrón proliferativo das células epiteliais nas criptas do colon (invaxinacións profundas onde se absorbe a maior parte da auga e sales inorgánicos do quimo), asociado a un trastorno no control de morte celular programada (apoptose) no epitelio do colon. Isto produce a formación de pólipos (protuberancia visible macroscopicamente na superficie da mucosa).
A gran maioría dos tumores malignos desenvólvense sobre lesións xa existentes na mucosa, como os pólipos. Aínda máis cedo no proceso de carcinoxénese é o desenvolvemento de criptas morfoloxicamente anormais na superficie da mucosa do colon, formando os “focos de criptas aberrantes”.
Para o estudo de expresión xenética nos focos de criptas aberrantes usamos ratos como modelo animal. Realizamos unha tinguidura cun colorante azul (azul de metileno), que tingue as criptas e nos permite observar a súa morfoloxía. Na imaxe obsérvanse todas as criptas iguais, de tamaño similar e todas redondeadas, indicando que o rato está san.
Coñecer as diferenzas entre tecido san e tecido precanceroso é fundamental para unha detección precoz da enfermidade, aumentándose así a esperanza de supervivencia dos pacientes.