Top

A Cor dos Átomos

A Cor dos Átomos

Cando se introduce nunha chama unha disolución finamente pulverizada fórmanse átomos libres en estado gasoso de practicamente todos os elementos da táboa periódica. Se a temperatura da chama é o suficientemente alta os átomos excítanse (absorben enerxía da chama) e emiten radiacións características que constitúen o seu espectro de emisión, que pode considerarse a súa “pegada dactilar”. A luz emitida pode ser visible e presentar unha cor que identifica aos átomos do elemento.
Na imaxe móstrase unha chama de fluxo laminar de aire-acetileno (2300°C) na que a luz verde a emiten os átomos de níquel e a pequena mancha de luz amarela é debida á presenza de átomos de sodio. Esta propiedade dos átomos metálicos fixo posible o descubrimento de varios elementos ao longo do século XIX e hoxe en día é a base dos métodos espectroscópicos que permiten non só identificar os elementos que están presentes nunha mostra senón tamén calcular a súa concentración, aspectos de grande importancia para o estudo e investigación de elementos esenciais ou tóxicos en gran diversidade de materiais.
Como curiosidade sinalar que ata o século XIX os fogos artificiais eran monocromos porque estaban feitos case en exclusiva de sodio. Ao descubrirse esta propiedade introducíronse outras cores como o vermello, que é proporcionado polo estroncio, compoñente básico na pirotecnia actual.