Top

O halo de solubilización

O halo de solubilización

 

O fósforo é un elemento nutriente para todos os seres vivos, os cales o demandan en cantidades apreciables debido a que forma parte da composición das moléculas orgánicas esenciais para a vida. Nas plantas, os principais procesos bioquímicos, a fotosíntese e a respiración, son activados polo P inorgánico e/ou os seus derivados orgánicos. Os microorganismos ademais de constituír importantes reservas de P no chan a través da súa biomasa, median varios procesos claves no ciclo bioxeoquímico deste elemento.

As bacterias que son capaces de solubilizar fósforo inorgánico teñen unha maior capacidade de promover o crecemento vexetal. A solubilización de fósforo por parte das bacterias sería unha característica a destacar dentro das calidades que, como PGPR (bacterias promotoras do crecemento vexetal), poden ter; xa que serían capaces de incrementar considerablemente a produtividade dos cultivos.

Na imaxe podemos ver un marcado halo de solubilización de fosfato ao redor dunha colonia do xénero Mesorhizobium. Este xénero de bacterias encóntrase dentro do grupo dos rizobios, os cales establecen unha relación simbiótica con plantas leguminosas nas que fixan nitróxeno atmosférico en estruturas localizadas nas raíces, e que se coñecen como nódulos. As investigacións oriéntanse ao estudo de rizobios como promotores do crecemento de plantas leguminosas e tamén de non leguminosas, nun proceso coñecido como capacidade PGPR, estendendo deste modo as vantaxes da simbiose a outros cultivos.