Top

O tamaño si importa

O tamaño si importa

Existe a crenza de que todo está descuberto e que só se encontran novas especies nos lugares máis recónditos do planeta. Afortunadamente iso non é así, todo depende da escala na que se busque. Esta criatura (Doridicola agilis) é o equivalente aos nosos piollos pero nas babosas mariñas ou nudibranquios que iluminan de azul e amarelo as nosas costas (Hypselodoris). O máis incrible desta historia é que sempre estiveron diante de nós, pero nunca antes se viran debido ao seu pequeno tamaño. A fotografía mostra unha femia cun dos seus dous sacos de ovos, dos que eclosionan pequenos copépodos en miniatura, que se agarran rapidamente ao nudibranquio. As súas dúas antenas modificadas a modo de ganchos permítenlle agarrarse firmemente ao hospedador e coa súa boca serrada esgazan pequenos anacos de pel da que se alimentan. Por sorte para moitos investigadores, a paciencia e a microscopía aínda gardan moitas alegrías ao ollo ávido de respostas.