Top

Ata o infinito e máis alá

Ata o infinito e máis alá

Ata o infinito e máis alá parece que podería estar a navegar este dinoflagelado do xénero Ceratium polos mares e océanos da Terra. A súa estrutura e forma recorda esas naves que en tantas películas vimos cruzando galaxias en busca doutras civilizacións. O aspecto robusto e de seguridade que se aprecia na súa estrutura difire da verdadeira fraxilidade destes organismos, que con pouco máis de 400 micrómetros de tamaño, sucan as nosas augas costeiras. O detalle que podemos obter das placas da súa estrutura basal co microscopio de varrido permítenos, xunto con outros carácteres, a súa identificación taxonómica. Os dinoflagelados son organismos relacionados coas mareas vermellas que provocan danos en diversos organismos acuáticos e a través da cadea trófica poden chegar a causar problemas de saúde humana. O coñecemento das especies presentes nas nosas augas e os experimentos sobre a súa toxicidade axuda a minimizar os danos que poidan ocasionar.