Top

Historia dunha viaxe, con retorno?

Historia dunha viaxe, con retorno?

Esta imaxe encerra en si mesma o froito de catro anos de busca que culminaron cunha grande historia: a vida das larvas de polbo no océano. Esta historia sáese do común en moitos aspectos e é estrañamente próxima noutros, xa que recorda á incrible viaxe do famoso peixe pallaso da película de “Buscando a Nemo”. As larvas de polbo nacen nas rías galegas e, pouco despois estas criaturas do tamaño dun gran de arroz, emprenden unha viaxe mar dentro transportadas por autoestradas submarinas que conectan a costa co océano (coñecidas como “filamentos” e que aparecen de cor violeta próximas á costa). Nesa viaxe, grazas ao ADN das presas encontrado no estómago das larvas, sabemos que se alimentan de larvas de cangrexos, camaróns, quisquillas e peixes, mentres crecen rapidamente. Como e cando regresan aínda é un misterio e o motor de futuras investigacións.

Esta imaxe conta, ademais, a historia doutra viaxe. Unha aventura, quen sabe se con regreso, da investigación galega nas antípodas para seguir escribindo as páxinas do libro da vida das larvas de polbo no océano.