Top

Ilusión óptica

Ilusión óptica

O estereomicroscopio ou lupa binocular é unha técnica de microscopía fotónica que permite observar detalles morfolóxicos ou estruturais das mostras en 3D. Utilizando un mesmo obxectivo, estes equipos poden aplicar un sistema de zoom que permite a observación da mostra a maior magnificación. Teñen acoplados unha cámara dixital e todo o equipo está controlado por un programa informático co que o investigador axusta as condicións de iluminación e o tempo de exposición da cámara para realizar a foto final.

Nesta imaxe obsérvanse os grans de pole da planta cosmos (nome científico: Cosmos bipinnatus) que foron depositados nun portaobxectos de microscopía e colocado e enfocados no estereomicroscopio. A imaxe foi capturada á vez que se realizaba o cambio de zoom do equipo. No tempo de exposición que a cámara necesitou para facer a foto, os grans de pole da mostra estaban a cambiar de posición debido ao aumento de zoom que transformou a magnificación de 7.8 a 14.5. O resultado é unha imaxe co rastro deixado polo movemento dos grans de pole nesa variación do zoom e que se coñece como desenfoque de movemento ou “Motion blur“. Este efecto crea unha ilusión óptica que fai que percibamos movemento nunha imaxe bidimensional.