Top

A ciencia en Casa: Axitación masiva

A ciencia en Casa: Axitación masiva

A efervescencia é un proceso químico que consiste na reacción dun ácido cun carbonato ou bicarbonato de sodio desprendendo dióxido de carbono a través dun líquido. Probablemente pensedes que isto é algo que só acontece nos laboratorios, non obstante, isto sucede con frecuencia na nosa vida cotiá, falamos da efervescencia da Coca-Cola.

Entre os moitos ingredientes que forman a Coca-Cola encontramos o dióxido de carbono, un gas incoloro e inodoro cuxa adición produce as propiedades gasosas e efervescentes deste produto. En circunstancias normais, o dióxido de carbono, na Coca-Cola, encontrámolo incrustado na auga carbonatada, sempre e cando a bebida estea sen abrir, unha vez aberta o dióxido de carbono inicia unha lenta conversión a estado gasoso, o son característico que escoitamos ao abrir unha Coca-cola débese a esta conversión.

A todo o mundo lle sucedeu que ao abrir unha botella a gran parte do produto que se encontraba na botella sae disparado cara ao exterior en forma de escuma, isto débese a que a botella se axitou antes de abrirse provocando a expansión das moléculas do dióxido de carbono e derivando nunha pequena explosión.

Neste traballo pretendiamos buscar o lado cotián da ciencia, xa que este proceso é algo que lle acontece a numerosas persoas cada día e probablemente descoñecían a súa xustificación.