Top

A electrónica cobra vida

A electrónica cobra vida

Levo vinte anos construíndo trebellos no meu laboratorio co propósito de mover a fronteira do coñecemento un pouco máis alá de onde a atopei, son físico experimental.

Facer avanzar a ciencia no meu eido estase a volver arduo e custoso polo tamaño dos aparatos que precisamos e porque nos está a levar décadas construílos. Actualmente traballo no instrumento científico máis grande e complexo endexamais construído polo home: o gran acelerador de protóns do CERN. En particular nun sistema de “fotografía dixital” que realiza 40 millóns de disparos por segundo para poder detectar as desintegracións das partículas producidas no acelerador.

Pero non quería falar hoxe dos avances da física de partículas se non da tecnoloxía que desenvolvemos para tal fin. Durante estes anos vin como os compoñentes electrónicos se volven cada vez mais pequenos, de tal xeito que hai uns días namentres lía o magnífico libro de divulgación científica: Introdución a la Ciencia de Isaac Asimov, tiven unha iluminación. Identifiquei nun deseño no que estou a traballar, para o procesado de datos do detector, a distribución do sinal de reloxo, en vermello, coa distribución do sangue a través dunha arteria nun ser vivo. Sei que aínda falta pero se comparamos o calendario evolutivo coa velocidade con que a tecnoloxía cambia a vida da especie humana, fago esta pregunta:

cantas xeracións debemos esperar para ver como a electrónica cobra vida?