Top

Maerl: o gran descoñecido entre as algas

Maerl: o gran descoñecido entre as algas

O termo maerl fai referencia a unha acumulación de algas vermellas calcáreas pertencentes á Orde Corallinales, de crecemento lento, que viven libremente nos fondos do infralitoral, formando os denominados “fondos de maerl“. Estes fondos presentan unha distribución mundial, e ao longo de Europa son particularmente abundantes en tres rexións: as Illas Británicas, a Bretaña Francesa e Galicia. Estes fondos son moi importantes xa que forman hábitats tridimensionais (debido ao talo ramificado das especies formadoras de maerl) que albergan unha gran diversidade de especies, entre elas moitos bivalvos reprodutores con interese comercial. Actualmente, os fondos de maerl están en declive pola presión antropoxénica. Dende o grupo de investigación BioCost da Universidad da Coruña estase realizando un estudo exhaustivo que ten como fin desenvolver un plan de conservación específico para unha das especies máis abundantes formadoras de maerlPhymatolithon calcareum (Pallas) W. H. Adey & D. L. McKibbin. Con esta medida quérese protexer a estes fondos de maerl, e con iso, tamén ás especies asociadas a eles. A primeira tarefa que levamos a cabo neste estudo foi a realización dunha ampla mostraxe de Phymatolithon calcareum ao longo de varios fondos do maerl do Atlántico Europeo. Na imaxe que se expón pódese ver unha fotografía dunha mostraxe na Ría de Arousa (Galicia), na que mediante unha draga se recolleu unha mostra destes fondos tan importantes e tan pouco coñecidos.