Top

Microencapsulación aromática

Microencapsulación aromática

A microencapsulación é un proceso no que un compoñente sólido, líquido ou gasoso é envolto, mediante un axente encapsulante, para obter partículas resistentes a factores externos como osíxeno, calor, luz ou humidade. Este proceso é fundamental na industria alimentaria, xa que é esencial alongar a vida útil dos produtos e protexelos de todos aqueles axentes externos que poidan deterioralos. Mediante esta técnica obtense un po cun tamaño de partícula variable pero cun contido de humidade moi baixo que favorece a protección do composto encapsulado no interior das partículas esféricas. Para a obtención destas formas esféricas é moi importante o control da temperatura á que se realiza o proceso. Soamente temperaturas por enriba de 180º C permiten obter este tipo de formas. Na parte esquerda da fotografía obsérvanse as formas esféricas características que se obteñen cando unha emulsión, que contén diferentes axentes encapsulantes, se mestura co composto alimentario de interese (un aroma neste caso) e sométese a un proceso de secado por aspersión (Spray Drying), que é unha das técnicas máis usadas a nivel industrial para a microencapsulación de compoñentes alimentarios. A parte dereita da imaxe mostra un zoom da microcápsula aberta.