Top

Pílulas de vida

Pílulas de vida

Na fotografía aparece unha larva de rodaballo de 30 días de vida (15 mm), cultivada nas instalacións do IEO de Vigo, no instante no que está a capturar un pequeno crustáceo denominado artemia.

As larvas de rodaballo nacen cegas, coa boca e o ano pechados e sen aletas diferenciadas. Inicialmente aliméntanse das reservas que lles achega o saco vitelino e flotan ao capricho das correntes.

Aproximadamente ao quinto día tras a eclosión, a larva de rodaballo rematou as súas reservas vitelinas e debe comezar a alimentarse de forma exóxena. Esta primeira alimentación é fundamental para a súa supervivencia, xa que de prolongarse o xaxún, o efecto sería irreversible. En condicións de cultivo, a complicación principal provén do feito de que para esta primeira alimentación, a larva se vale dun comportamento innato baseado no movemento: cando unha presa potencial entra no seu campo de visión, desencadéase un mecanismo de depredación automático. Así pois, existe unha limitación importante: a presa debe moverse, debe estar viva. O rotífero e a artemia son presas vivas que cumpren estes requisitos.

A artemia non ten, en xeral, valor nutricional para as larvas, é por iso que se fixo necesario desenvolver dietas especiais coas que alimentar a artemia para que servise de vector de transmisión deses nutrientes á larva. A artemia actúa como unha biocápsula alimentaria, unha pílula repleta de nutrientes que resultou esencial para o desenvolvemento da investigación acuícola.