Top

PROTEÍNAS EXTRATERRESTRES

PROTEÍNAS EXTRATERRESTRES

As proteínas considéranse o motor da vida pois destas biomoléculas tan versátiles e diversas dependen practicamente todos os procesos biolóxicos. Coñecer a forma que adopta unha proteína axúdanos a entender a súa función. O xeito máis preciso de coñecer a forma das proteínas é estudar a súa estrutura atómica mediante cristalografía de rayos-X. A cristalización de proteínas é un proceso complexo que busca a obtención dun cristal dunha proteína. Para iso tense que conseguir unha ordenación natural dos átomos da proteína nun retículo repetitivo.

Nesta fotografía, tomada a través dunha microlupa, móstrase un cristal da proteína IscR que é un regulador dos clusters ferro-xofre. Estes clusters son co-factores de proteínas que interveñen en procesos biolóxicos vitais. O cristal de IscR parece un foguete que aterrou con éxito nun novo planeta. A imaxe en realidade exemplifica moi ben o proceso de obtención de estruturas cristalográficas onde despois de moito traballo todo depende desa aterraxe exitosa, dese gota de proteína que se converte en cristal e que nos abre as portas do coñecemento dun mundo novo, da organización estrutural dunha nova proteína. Coñecer novos planetas permite entender mellor a organización dos sistemas solares. Do mesmo xeito, coñecer a estrutura de novas proteínas permite entender mellor a organización celular o que é básico no desenvolvemento de novas aplicacións biomédicas.