Top

Quen son?

Quen son?

Nas películas de ciencia ficción cada vez vemos criaturas máis espectaculares e raras, que alimentan os nosos medos e rouban o sono a máis dun. Non obstante, non fai falta efectos especiais para observar criaturas que chaman a atención pola súa pintoresca beleza: abonda con botar un ollo ao mar.

O mar bríndanos espectaculares criaturas cuxos deseños compiten con calquera produción de Hollywood. Estes deseños non son fortuítos senón que son o produto de millóns de anos de evolución. Ao igual que as eirugas se transforman en fráxiles bolboretas, as larvas de lagosta pasan por distintos estados larvarios errando á deriva, como membros do zooplancto, antes de ser adultas. Durante este período, que pode durar ata dous anos, coñécense como “filosomas“. Esta imaxe mostra unha filosoma moi avanzada capturada fronte ás costas galegas, que desborda curiosidades: o seu corpo é transparente para evitar ser vistas, é plano a xeito de vela e da metade das súas patas saen unhas “plumas” que axitan delicadamente e lles permite manterse na columna de auga como voando. Un organismo tallado por un medio onde comes ou cómente, que oculta con celo a súa verdadeira orixe.