Top

Acios de esporas

Acios de esporas

Micromonospora é un xénero de bacterias pertencentes á orde Actinomycetales. O seu ciclo de vida comprende a formación dun micelio a partir dunha espora que ao xerminar formará tubos xerminativos, os cales ao crecer e ramificarse transformaranse en hifas cuxo conxunto se denomina micelio.

Nos últimos anos realizáronse multitude de estudos para coñecer as interaccións beneficiosas que se establecen entre os microorganismos e as plantas. Os microorganismos asociados ás plantas cumpren importantes funcións sobre o crecemento destas e a súa saúde. A promoción directa do crecemento da planta polos microorganismos baséase na mellora da adquisición de nutrientes, a estimulación hormonal e o aumento da dispoñibilidade de nutrientes, a través da promoción de rizobacterias promotoras do crecemento vexetal (PGPR). Na loita por unha agricultura sostible a redución dos fertilizantes de orixe química, utilizando como alternativa fertilizantes biolóxicos formados por bacterias PGPR capaces de formar biofilms, constitúe unha boa ferramenta.

Na imaxe podemos ver os primeiros estadios na formación dun biofilm por unha bacteria do xénero Micromonospora. É unha tinguidura microscópica co colorante laranxa de acridina, onde podemos ver resaltados os micelios ramificados que emite a bacteria e que lle permite colonizar calquera superficie, así como multitude de esporas diseminadas ao seu arredor.