Top

Salar de Uyuni

Salar de Uyuni

Na imaxe, observamos unha alícuota de auga procedente do Salar de Uyuni (Bolivia) en cuxa superficie se formaron diferentes cristais debido ás altas concentracións de sales disoltas tales como NaCl, LiCl, KCl, MgCl2 e bórax, características deste salgar. A concentración química dos diferentes elementos presentes na devandita auga analizouse mediante unha técnica espectroscópica, a Fluorescencia de Raios X por Reflexión Total (TXRF). Con esta técnica de carácter micro analítico, é posible a avaliación de case todos os elementos da táboa periódica dende o Aluminio ao Uranio de xeito cualitativo e/ou cuantitativo.

En medios extremos como as augas do Salar de Uyuni, nos que se combinan unha alta concentración de sales e doutros metais, é posible a existencia de vida. De aí a importancia do estudo de ambientes extremos como este.

Ao depositar unha alícuota de auga nunha placa Petri e deixala evaporar parcialmente para que se formasen os cristais, observamos como co paso dos días se foron introducindo do ambiente diferentes microorganismos como ácaros e colémbolos observados nesta imaxe.
A imaxe foi adquirida cun microscopio estereoscópico en modo simultáneo de reflexión e transmisión.