Top

Saíndo da casca

Saíndo da casca

A lagosta común europea (Palinurus elephas) é un dos animais máis emblemáticos da fauna mariña costeira, dende as costas Atlánticas do sur de Mauritania ata a zona máis setentrional das illas Británicas e o sur de Noruega. Pertence ao subfilo dos crustáceos, e como na maioría destes organismos, as femias son as encargadas de custodiar os ovos nos seus abdomes ata a súa eclosión. Cada femia é capaz de albergar entre 100000 e 250000 ovos dun centímetro de diámetro. Cada un deles esconde no seu interior unha larva de lagosta, denominada ‘filosoma’. Os filosomas, duns 3 mm de tamaño, permanecen encollidos, esperando cun billete cara a unha longa e inesperada viaxe que lles levará a percorrer os océanos a través das correntes, para máis tarde regresar polos fondos mariños ás costas nas que naceron.
Esta imaxe encerra a liberdade dun destes filosomas, o momento da súa eclosión en busca do seu futuro. Un futuro, que para os científicos se mide en décadas de estudo. A unidade de Medio Mariño da Estación de Ciencias Mariñas de Toralla (ECIMAT) leva anos tratando de determinar unha dieta axeitada para aumentar a súa supervivencia. Tarefa ardua pero de gran valor, non só en termos económicos polo seu posible cultivo en acuicultura, senón polo seu valor en termos de biodiversidade, podendo nun futuro repoboar zonas nas que a sobreexplotación esquilmou estes estraños seres vivos.