Top

Salto ao baleiro

Salto ao baleiro

Imaxe do talo dunha planta adquirida cun estereomicroscopio. O talo está recuberto de pelos ou tricomas, apéndices epidérmicos con funcións moi diversas, como a retención de auga, a secreción de aceites aromáticos ou a defensa contra ataques de insectos. Poden estar formados por unha ou varias células, vivas ou mortas, e con formas moi diversas. Na clasificación taxonómica de plantas son utilizados para identificar xéneros ou especies pola súa presenza ou ausencia e pola súa morfoloxía e distribución na planta.
O estereomicroscopio ou lupa binocular é unha técnica de microscopía fotónica que permite observar detalles morfolóxicos ou estruturais das mostras en 3D, sen necesidade de realizar tinguiduras ou preparacións especiais destas. Utilizando un sistema de zoom, o equipo pode aumentar a imaxe ata unha magnificación de 160 veces o tamaño real. Nesta imaxe utilizouse a técnica de iluminación con luz reflectida mediante un anel de luces Led.
Sirva esta imaxe como exemplo do uso da luz na investigación neste ano 2015, o Ano Internacional da Luz e das Tecnoloxías baseadas na Luz.
A magnificación final da imaxe é de 5.62 e o tamaño real da imaxe é de 2,49 x 1.88 mm.