Top

Superficie super-hidrofóbica

Superficie super-hidrofóbica

Xa sei que se trata dunha pregunta moi común, pero… O tamaño importa??? O certo é que si, que o tamaño importa, importa moito, polo menos cando falamos de materiais. Sobre todo o pequeno ou moi pequeno (o micro ou nano). Hai relativamente pouco tempo que comezamos a entender que as propiedades dos materiais dependen non so da súa composición senón tamén do seu tamaño, da súa forma e da súa organización ou estrutura. Por iso, modificando estes parámetros, podemos cambialas propiedades dos materiais ó noso gusto e o xeito en que interaccionan co entorno que os rodea e como responden a estímulos externos (luz, calor, presión, electricidade,…)

A Natureza tamén saca proveito desta vantaxe tecnolóxica ligada ó deseño, xa que lle permite aforrar empregando os mesmos materiais para distintas funcións. Nesta imaxe vemos un exemplo: trátase dunha microestrutura que recorda un prato de “tallaríns encerellados”. É a “pelusilla” que hai no envés dunha folla de chopo. Está feita de celulosa, a molécula natural máis abundante con diferencia, e o compoñente principal do papel, pero a diferencia do papel normal, esta superficie non se molla, repele a auga, é superhidrofóbica. Esto débese, precisamente, a esta estrutura, que atrapa aire e impide que a auga molle. Deste xeito a árbore evita que medren fungos e mantén as follas limpas e sans. É unha superficie funcional autolimpante ou superficie intelixente.