Top

Trens de vida

Trens de vida

As diatomeas son algas microscópicas e importantes compoñentes do fitoplancto. Aínda que son unicelulares, algunhas especies poden formar longas cadeas, como se pode observar nesta foto. Non obstante, aínda que estean xuntas, cada célula segue sendo unha unidade independente como os vagóns dun tren. No océano son máis abundantes nas zonas costeiras, onde poden encontrar as condicións físicas e químicas máis axeitadas para o seu crecemento. Tal como as plantas na terra, estes organismos utilizan a luz do sol e compostos inorgánicos para producir a súa materia orgánica. Á vez captan o dióxido de carbono e liberan osíxeno, tendo un papel fundamental no ciclo do carbono. O fitoplancto está na base das cadeas tróficas do océano, servindo de alimento a organismos moi diversos, dende outros microorganismos planctónicos ata larvas de peixes e bivalvos. No grupo de Oceanoloxía do Departamento de Oceanografía do Instituto de Investigacións Mariñas estudamos a distribución destes organismos no océano, especialmente en sistemas costeiros. O noso obxectivo é entender como varía a súa abundancia e composición en especies coas condicións físico-químicas da auga. Isto permítenos entender como funciona o sistema e tal vez como poderá reaccionar con futuros cambios climáticos.