Top

Un obxecto fai supoñer que detrás del hai outros

Un obxecto fai supoñer que detrás del hai outros

Partindo dunha coñecida máxima do pintor surrealista René Magritte para o título, encontramos nesta imaxe microscópica unha composición que nos conduce directamente ao universo da obra de Miró ou Kandinsky. As formas orgánicas que xorden na imaxe e se multiplican dun modo aleatorio, posúen tan alta complexidade ou regularidade que parecen ter sido creadas pola mente humana. Deste modo, un fenómeno natural transfórmase nun obxecto estético capaz de recrearnos ou levarnos a sensacións perceptivas propias das artes plásticas. É curiosa a facilidade que posuímos para asociar conceptos a imaxes que a priori pouco teñen que ver.

Grazas ás posibilidades que ofrece o microscopio podemos viaxar por mundos totalmente inaccesibles para nós, máis propios do universo onírico que da realidade que coñecemos, e chegar a encontrarnos inmersos nunha lagoa repleta de estrelas, onde unicamente hai artefactos rodeados por hepatocitos de rata.