Top

Un racimo de vida

Un racimo de vida

No noso grupo de investigación estúdase a ecoloxía reprodutiva do polbo común (Octopus vulgaris). Os polbos teñen sexos separados; os machos producen espermatozoides que acumulan en espermatóforos para logo introducir no oviduto das femias por medio dun dos brazos que teñen modificado para esta función e se chama ectocotilo. As femias producen os ovocitos no seu ovario. Os ovos fecundados tras a cópula son recubertos por unhas estruturas de protección formadas nas glándulas oviducales.
A fecundidade da femia pode variar, poñendo entre 100.000 e 500.000 ovos por femia madura, dependendo do seu tamaño. Os ovos son moi pequenos (2.5 mm) e forman acios brancos que a femia coloca no teito do seu refuxio. Esta, coida a posta limpando e osixenando os ovos ata a súa eclosión, mediante correntes de auga que saen do seu funil.
O desenvolvemento embrionario é variable dependendo da temperatura da auga. Nas nosas costas, nas que a temperatura media adoita estar en torno aos 13ºC, a eclosión pode producirse en 125 días, mentres que en augas máis quentes (25ºC) se reduce a 20-25 días. Os polbos acabados de nacer teñen unha lonxitude de 2 mm de manto e forman parte do plancto durante un tempo que depende tamén da temperatura da auga. Despois duns 30-50 días cando pesan ao redor de 150 gramos, pasan a formar parte do bentos onde se alimentan comezando o seu crecemento.