Top

Unha nova especie de alga nas nosas costas

Unha nova especie de alga nas nosas costas

Ata agora, ao longo da Península Ibérica só dúas especies de algas coralinas (xénero Corallina) foran descritas nas nosas costas. Pero, dende o grupo de investigación BioCost da Universidade da Coruña, sospeitábase que unha terceira entidade estaba a pasar desapercibida. No momento que Corallina caespitosa foi descrita nas Illas Británicas como unha nova especie, o noso grupo de investigación púxose mans á obra para comprobar se esta especie era “a terceira en discordia” nas nosas costas. A devandita comprobación levouse a cabo usando unha combinación da taxonomía clásica xunto coas últimas tecnoloxías moleculares baseadas no ADN. Finalmente, confirmouse que Corallina caespitosa tamén habita nas nosas costas e dun xeito moi abundante. Na imaxe que se presenta pódese ver unha fotografía realizada ao Microscopio Electrónico de Varrido (SEM, do inglés “Scanning Electron Microscope”) na que se observa unha estrutura reprodutora (conceptáculo uniporado) de Corallina caespitosa recollida na Ría de Arousa (Galicia), e unhas diatomeas (un tipo de algas microscópicas) habitando na superficie desta estrutura.