Top

MICROESFERAS CON PEGADA DACTILAR

MICROESFERAS CON PEGADA DACTILAR

INVESTIGADORES: Patricia Regal López, Rocío Barreiro Tomé, Mónica Díaz Bao

Se escoitamos a verba “polímero”, o concepto de “plásticos” aparece inmediatamente nas nosas cabezas. Os materiais que contaminan o noso planeta cada día de forma irreversible polo seu uso indebido, tamén poden ser os nosos amigos se aprendemos a usalos. Aparecen de forma inesperada outros polímeros, uns polímeros diferentes que axudan a detectar toxinas e contaminantes nos alimentos que comemos. O inimigo agora está do noso lado, ó servizo da ciencia.

Se un alimento é saudable ou non, depende de moitos factores, tanto intrínsecos como accidentais. Un alimento que conteña substancias alleas a el, como resultado de contaminación con produtos químicos e medicamentos utilizados na súa produción, pode ser un inimigo perigoso para o home. A combinación de diferentes “ingredientes” ou monómeros na presenza dunha molécula molde permitirá a creación de polímeros con memoria. Grazas ó crecemento polimérico en torno á unha molécula molde, as micro-esferas de polímero terán unha pequena impresión permanente no seu interior, capaz de recoñecer ese molde: son coñecidos como polímeros de impresión molecular ou molecularly imprinted polymers (MIP). Estes MIP posúen a capacidade de rebuscar e almacenar residuos e contaminantes que poida haber nos nosos alimentos, para logo liberalos á nosa vontade e permitirnos detectalos e eliminalos.

Chegou o momento de recoñecer o seu potencial e abrir camiño para estes sorprendentes materiais microscópicos no mundo da ciencia, que ademais gozan de gran beleza, non visible a simple vista pero si neste caso, grazas á microscopía electrónica.