Top

Reencarnación

Reencarnación

Sobre o escenario un bodegón putrefacto, no chan restos de follas secas, algunhas aínda conservan algo do seu verdor, ríxida e seca herba e tamén, mazás dunha morea de cores diferentes.

Mazás podrecendo lentamente, semella obsceno e á vez fermoso.

Unha delicada froita como é a mazá, esa forma tan redonda, tan inevitablemente colorida, tan simbólica, tan viva e agora tan morta e rodeada de moita máis morte.

Cando os ocupantes do chan rubriquen o seu final, estarán asinando pola vida do medio que os sostén. Todo comezará a volverse cada vez máis e máis escuro, a materia das herbas, das follas, das mazás… iranse transformando de vagar, de xeito milagroso, nunha terra negra estrume de vida. Despois de pasar polo proceso da descomposición, o chan contará cos compostos minerais que alimentarán así a súa voraz aridez. E outra vez volverá a comezar todo de novo, o solo alimentará as herbas, as follas e as mazás que podreceron para darlles a vida; e, como agradecemento, elas darán a vida por el máis tarde, e logo será a súa quenda de novo, e logo a delas, e logo el outra vez… e sempre volvendo ao mesmo. Semella incrible ver como sen darse conta, os compoñentes dun ecosistema se están a axudar os uns aos outros. Achégase un final pero é tamén un novo principio. A materia, se a deixamos, recíclase de seu mantendo a vida e como di a escritora Alice Walker:

Falando de morte
e de descomposición
En realidade pouco importa
cal
xa que as dúas están en camiño, quizais-
de ser narcisos.

A ciencia explícanos o milagre da putrefacción destes restos cadavéricos e a súa exposición é moito máis prosaica pero fainos entender todo o proceso. Indícanos que a descomposición é un proceso químico e biolóxico natural, sumamente necesario para o funcionamento e desenvolvemento da vida de calquera bioma. Sobre a materia morta os fungos e as bacterias heterótrofas atopan un substrato adecuado para a súa reprodución e crecemento. Esta vida microscópica aproveita a enerxía da materia podrecente para realizar o prodixio das súas funcións vitais. A marabilla do ciclo da vida conta con estes diminutos seres, os descompoñedores, a miña cámara non os ve, pero están aí e son de importancia vital para os ecosistemas. Pasiño a pasiño a materia orgánica responsable da beleza das herbas, das follas, das mazás, transformarase en materia inorgánica. pechando o ciclo da materia. No curso da descomposición biolóxica, os nutrientes asimilados nos compostos orgánicos inicialmente polas plantas (como produtoras primarias) e reciclados ao longo das redes tróficas volvendo de novo á Biosfera. Deste modo, a medida que transcorre a putrefacción, irase restituíndo ao chan a materia que lle foi roubada. Algúns compoñentes orgánicos das plantas son máis resistentes á descomposición microbiana ca outros e acumúlanse no chan. Esta materia vexetal, coñecida como humus, determina a fertilidade, pois afecta á capacidade de drenaxe e á penetración do osíxeno.

Detrás do obxectivo da miña cámara onde outros verían carroña eu vexo ciencia, veñen á miña mente temas traballados este ano en Bioloxía como a biodiversidade, o medio ambiente, a organización dos seres vivos, etc. e evócame a beleza dun poema de Baudelaire:

Lembra o que vimos , alma miña
esa mañá de verán tan doce
á volta dun sendeiro unha prea infame
nun leito sementado de pelouros.

Coas pernas ao aire coma unha muller lúbrica
ardente e suando os velenos
abría dun xeito neglixente e cínico
o seu ventre cheo de exhalacións.

O sol brillaba sobre esa podremia
como para cocela no seu punto
e devolver cento por un á gran Natureza
todo o que no seu momento unira.

E o ceo fitaba o espléndido esqueleto
como flor que se abre
que ti, na herba tan forte
criches esmorecer.

Zoaban as moscas sobre este ventre pútrido
do cal saían negros batallóns
como un líquido espeso de larvas que manaban
por aqueles viventes farrapos.

Todo aquilo descendía e subía como unha onda
ou se lanzaba chispeante
diríase que o corpo, inchado por un alento vago,
vivía e multiplicábase.

E este mundo producía unha música estraña
como a auga que corre e o vento
ou o gran que un cribeiro cun movemento rítmico
abanea e voltea coa súa peneira.

As formas esborranchábanse e non eran máis ca un soño
un esbozo serodio en aparecer
na tea esquecida, e que o artista acaba
só de memoria.
Detrás das rochas unha cadela inqueda
mirábanos cos ollos incomodados
axexando o momento de recuperar no esqueleto
o anaco que soltara.

E, porén, ti serás igual ca este lixo
que esta horrible infección,
¡estrela dos meus ollos, sol da miña natureza!
ti, o meu anxo e a miña paixón!

¡Si! Tal ti serás, oh, raíña das grazas
despois dos últimos sacramento,
cando vaias, baixo a herba e as fértiles florescencias,
balorecer entre as osamentas.

Daquela, oh beleza miña, dille aos vermes
que te comerán a bicos
¡que gardei a forma e e a esencia divina!
dos meus amores descompostos.

Elena Obregón Rodríguez
alumna de 1º Bacharelato IES Otero Pedrayo de Ourense